PROGRAMA POLÍTICO MUGARDOS NA ESQUERDA

A alternativa Mugardos na Esquerda, xurde da vontade de veciños e veciñas do noso Concello que, aborrecidos da política que hoxe se fai no escenario institucional, mais nunca resignados, queremos ofrecer á veciñanza mugardesa unha opción de defensa real e intransixente das necesidades, intereses e dereitos colectivos da cidadanía. Asemade, a nosa Candidatura nace precisamente como unha alternativa galega e de esquerda aberto á participación de todas as persoas que viven no Concello de Mugardos.

A alternativa Mugardos na Esquerda, valora que as outras opcións políticas que concorren ás Eleccións Municipais en Mugardos na súa presenza anterior no Concello abriron un foxo cada vez máis profundo entre a xestión municipal e os intereses, loitas e preocupacións da veciñanza de Mugardos. Crendo na política, entendemos que as estruturas partidarias foron útiles, mais hoxe os partidos políticos tradicionais son aparatos ríxidos que se autoalimentan e que non están ao servizo da cidadanía senón deles mesmos. Casos como o apoio unánime á proxectos antisociais como a Planta de Gas e a compracencia coa especulación urbanística evidencian esta disociación entre partidos e pobo. Por tanto, dende a esquerda, dende a nosa autonomía de acción, a nosa independencia e a nosa racionalidade, aspiramos a inxectar ar fresco e limpo no Concello, sempre en contacto coa rúa e cos movementos populares, facendo ecoar as reivindicacións sociais na sede municipal.
A alternativa Mugardos na esquerda ven para ficar. Independentemente dos resultados electorais continuaremos a traballar pasado o 22 de Maio, porque temos visión estratéxica e a longo prazo. Entendemos a participación electoral e institucional como un medio para potenciar os proxectos e reivindicacións sociais, mais queremos superar a moi limitada política institucional, queremos que o pobo organizado teña a palabra e a decisión sobre a economía, cultura, educación, lingua, saúde, políticas sociais e ambientais, ... Esta é a única e xenuína democracia. O obxectivo último é conseguir a autoxestión da sociedade mugardesa, da sociedade galega, do mundo.
A alternativa Mugardos na Esquerda combate a usurpación das institucións democráticas por partidos burocratizados e persoas parasitas, mediocres e acomodadas no poder. Combateremos as dinámicas corruptas, clientelares e deshonestas ás que queren desgraciadamente habituarnos. A partir do momento de saír elixidos asinaremos un documento que recollerá a renuncia á presenza institucional no caso de perderen a confianza do colectivo humano que nos avalía; dese xeito a alternativa Mugardos na Esquerda vacinase contra os personalismos e corruptelas abondo coñecidos nos concellos do país.
A alternativa Mugardos na Esquerda é un punto de confluencia e diálogo entre o movemento veciñal, sindical, feminista, ecoloxista, sociocultural, soberanista, xuvenil, ..., persoas e organizacións que defendemos un modelo de Concello alternativo ao que se está a impor polo poder institucional e empresarial, un modelo de Concello coa participación veciñal como marca de identidade, un modelo en que a empresa privada deixe de ser o verdadeiro goberno na sombra, dando paso a políticas de marcada vocación social porque a economía ten que estar ao servizo das necesidades e intereses de toda a comunidade e non do capital. Un modelo de Concello que teña en conta ás persoas, que teña en conta todas as localidades, pois son algo mais que unha canteira de votos. Un modelo de concello, en fin, onde quen somos a maioría fagamos valer o noso peso fronte ao poder do diñeiro e dos profesionais da política.
A alternativa Mugardos na Esquerda propugna un modelo democrático de Concello, un modelo aberto, participativo e transparente de xestión municipal, ofrecendo información constante, completa e comprensible à cidadanía, fomentando a participación popular activa e directa na toma de decisións (orzamentos, axudas, actividades,...) e materializando as decisións aprobadas. Para iso é preciso fomentar a autoorganización popular, protexer e fortalecer as redes sociais e o tecido asociativo.
A alternativa Mugardos na Esquerda ten como obxectivo vivir nun país sen ningunha discriminación e dependencia, sen ningunha explotación nen opresión sexual, nacional, de clase ou que actúe en contra da terra e do ambiente. Anceiamos unha sociedade igualitaria, paritaria, xusta e libre baseada nunha identidade e visión galegas do mundo. Vivindo e traballando en galego, temos como obxectivo construír unha Galiza libre formada por homes e mulleres libres.
A alternativa Mugardos na Esquerda está configurada por persoas que somos e nos sentimos parte desta nación, Galiza, que existe, resiste e se constrúe mercé ao traballo diario de millares de galegos e galegas; por tanto, somos partidarios de que se recoñeza ao noso pobo o seu direito democrático de autodeterminación. Somos soberanistas, traballaremos desde o ámbito local e municipal por un proxecto global de país libre, no que cada Concello poda decidir sobre si propio. Nesta óptica, a presenza institucional que alcancemos tamén estará ao servizo dese horizonte de emancipación nacional.
A alternativa Mugardos na Esquerda considera que a partir do noso labor nos municipios estaremos a favorecer os obxectivos de transformación social. Traballando en Mugardos conseguiremos un concello, un Bezoucos, unha Ferrolterra, unha Galiza e un mundo mellores e máis xustos. Somos internacionalistas, queremos que todos os pobos do mundo vivan en igualdade e con dignidade, sen sinal ningún de dominación nin inxerencias alleas. Acreditamos na solidariedade, defendemos e partillamos fraternalmente todas as loitas de liberación nacional e social que existen no mundo.

Que imos facer?

Agora nos presentarnos as eleccións do 22 de maio para termos unha voz crítica no Concello e abrir unha fenda política que traia oportunidades para a cidadanía, non para cambialo todo, mais si para facer escoitar a vosa voz. Asemade, como dixemos, vimos para ficar, a nosa intención non é só electoral, pois seguiremos organizados e traballando independentemente do resultado das eleccións.