domingo, 22 de maio de 2011

2. Emprego, economia e xustiza social

Da alternativa galega de esquerda Mugardos na Esquerda defendemos a transformación profunda da actual orde social e económica como única via para rematar coas desigualdades xeradas por un sistema capitalista a cada máis agresivo, que precisa que a maior parte do mundo siga imersa na pobreza para manter grandes acumulacións de capital en maos dumha minoria. Simultaneamente, as desigualdades de xénero, a discriminación por lugar de procedéncia, a invisibilización das e dos nosos maiores, a precariedade laboral da xente xovem, etc. nascen ou foméntanse sobre o garda-chuva da desigualdade económica coa promoción do individualismo e a competitividade e contra a solidariedade e a cooperación no seio da comunidade.

Estamos cientes de que esta desigualdade latente non se pode solucionar desde o ámbito municipal porque responde a fatores estruturais. Contodo, achamos que son necesárias políticas municipais honestas e comprometidas que tendan a posibilitar o desaparecimento das causas da desigualdade e evitar a redución da política à aplicación de paliativos e remédios parciais aos seus efeitos. A partir do noso Concello é necesário promover verdadeiras políticas públicas de transformación para conseguir a extenson do conceito de democracia, non só na esfera dos direitos civis e políticos, mas tamén canto às relacións sociais e à vida económica. É necesária umha acción coletiva de transformación que remate coa actual mercantilización social para garantir o recoñecimento de direitos à cidadania e o aceso universal aos bens e servizos da comunidade.

Con esta perspectiva social, é hora de que o Concello sexa peza activa na mudanza do actual sistema neoliberal baseado no máximo gaño a conta dos direitos das persoas. A Alternativa galega de esquerda aposta nun modelo que fomente a participación cidadá en contraposición co ideário neoliberal que cede o espazo urbano e social ao mercado, en detrimento dos servizos públicos. Fai falta retomar a noción auténtica de cidadania como suxeitos activos e activas de direitos e deveres para a sociedade. Urxe procurar solucións transformadoras, isto é, programas universais de bem-estar social, tributación progresiva, políticas macro-económicas para criar condicións de plena ocupación, un sector público sólido e umha proporción significativa de propriedade pública ou coletiva. Agora ben, umha verdadeira transformación positiva pasa non só pola mudanza das estruturas mais tamén das relacións humanas baseadas numha ética xusta que promova a reciprocidade no concello e a solidariedade, através do recoñecimento do outro e da pluralidade de suxeitos e xéneros.

Neste sentido fai falta superar a actual concepción empregada polas sucesivos governos municipais que reduz a cidadania e os seus direitos a simples usuários de servizos persoais, baseando a acción municipal no asistencialismo face determinados coletivos en vez de encarar o repto de garantir a igualdade efetiva entre os cidadáns e cidadás, deixando de tratar-nos como utentes ou persoas tratadas, para situar a cidadania como suxeito de direitos para alén da sua idade, clase social, xénero e procedéncia.

As terras de Mugardos organízanse economicamente arredor do comércio, servizos, a indústria, a construción e os transportes, como sectores máis expansivos; a situación da cada sector é muito diferente, se ben o comun denominador é que están inseridos dentro do proceso de globalización capitalista que determina umha re-estruturación produtiva que pasa pola perda de lugares de traballo nos sectores industriais tradicionais ou intensivos, ao mesmo tempo que aumenta o peso específico do sector terciário adiantado, de carácter tecnolóxico. Apesar disto, no ámbito municipal dificilmente se pode combater este proceso de reestruturación económica global, o concello ten de ser umha ferramenta complementar a umha política económica orientada à xustiza social.

2.1. Emprego: O concello como elemento xerador de emprego

O noso concello posue enorme riqueza que temos que por en valor e sacarlle a rentabilidade que nos permita ter umha boa calidade de vida sempre respeitando o médio do que fazemos parte. non queremos que outros se aproveiten dos recursos do povo para o benefício persoal ou de determinadas empresas. O concello ten que ter a xestión dos bens e recursos municipais para que redunden en benefício de todos/as.

A riqueza e bem-estar dos veciños non poden depender das esmolas das empresas privadas que veñen ao concello a se enriquecer à nosa conta. Temos que recuperar o Concello como elemento de creación de riqueza, xerador de postos de traballo de qualidade e fomento do asociacionismo produtivo.

As medidas da burocracia ao servizo do capital nos governos central e autonómico pasan por limitar drásticamente o xa decrescente e paupérrimo estado de benestar; o estado e as autonomias cada vez pintan menos, polo que irá minguando o seu escaso papel regulador na economia; a democracia burguesa actual pasará de baixa intensidade a ínfima, perante isto cumpre saber como actuar e o que facer desde o noso concello.

Non podemos consentir a privatización dos servizos públicos nen a sub-contratación de servizos municipais. Os servizos básicos como o subministro da água, recolla de lixo, obras menores, ensino, saúde cultura, deven manter ou recuperar o seu caráter municipal. Aqueles novos servizos que se fosen criando, como a nova piscina, deven ter umha explotación e xestión municipal.

Non podemos consentir, igualmente, o corte contínuo das axudas e ingresos provenientes doutras administracións (galega e española, principalmente), que coa falsa escusa de que non hai diñeiro, están a empobrecer os concellos, e seus traballadores/as, que xa albiscan un novo corte de salários que é totalmente inaceitável. Diñeiro hai, mais vai para os bancos e para o negócio da guerra.

Portanto, temos que superar a mentalide tradicional de que o concello non ten capacidade para xerar emprego. Devemos evitar que o governo municipal tente atrair a empresa privada como único xeito de xerar emprego. Este proceder só beneficia as empresas e non ten en conta as consecuencias negativas que esas empresas poderian causar ao médio e à saúde das persoas. Temos que acreditar na posibilidade de criar emprego digno por parte da Concello, ben directamente ou através do pulo e organización dos recursos próprios.

Achamos logo que dun concello pequeno se pode dar exemplo neste difícil contexto con medidas de grande eficácia para repartir a riqueza, máis concentrada e fácil de atallar; reduzindo a miséria que se espalla, criando emprego digno, e devolvendo o preciso e precioso tempo vital à xente. E isto feito, sobretodo, comprovando que a instituición municipal vai funcionar dumha maneira áxil, útil e necesária para toda a veciñanza.

Do noso movimento entendemos por traballo aquel tempo investido na realización de labores socialmente necesários. Neste senso, trata-se de revirar o sentido actual do mesmo na sociedade capitalista e de consumo, onde parece que as persoas nascen e viven para traballar e para consumir, e non pra viver. O capitalismo tense apropriado do tempo das persoas, rouba moito tempo empregado polos traballadores/as para se apropriar do enorme valor criado neste tempo, esta riqueza criada fica pra uns poucos privilexiados, que gañan muito diñeiro a custa de escravizar as persoas roubando o seu valioso tempo.

Temos que devolver este tempo de vida às persoas, as persoas teñen que ter tempo real para vivir para eles mesmos/as, para a sua familia e amizades, e non para ser escravos e escravas a traballar para o capital. A existéncia humana é todo o contrário a servidume e alienación, non se pode tolerar a exploración duns seres humanos sobre outros. non se pode tolerar este roubo xeneralizado da vida. Temos que ser conscientes dos durísimos tempos que correm, polo que todos e todas temos que colaborar.

Propostas Xerais :

- Recuperarmos os recursos dos bancos marisqueiros, tan importantes noutro tempo, vai ser outra das nosas prioridades.

- Creación dumha Comison impulsionadora de micro-empresas municipais.

- Creación e impulso dumha empresa pública e cooperativas de explotación agrogandeira- Florestal (Bancos de Terras).

- Creación e impulso dumha empresa pública e ou cooperativas de explotación marisqueira.

- Creación dumha rede de comércio xusto, e de troca de produtos agricolas, gandeiros e marisqueiros.

- Creación e impulso dumha empresa pública e cooperativas de coñecimento do medio e do património. (Cicloturismo cultural, Rotas marítimas e Museu marítimo da Redonda e Museu de Caldoval).

- Queremos promover o traballo das terras abandonadas; crear un mercado en rede de venda direta de productos agrícolas e gandeiros entre labregas/os e clientes a nivel local, comarcal e nacional, para que a xente saque rendemento ás súas leiras, potenciando así mesmo a agricultura ecolóxica.

- Impulsaremos unha empresa pública ou cooperativa de explotación agrícola-gandeira-forestal, unha horta escola e unha granxa escola municipal.

- Impulsaremos unha empresa pública ou cooperativa de explotación marisqueira. Queremos recuperar e conservar os bancos marisqueiros.

- Queremos crear unha empresa pública e cooperativas de coñecemento do medio e do patrimonio (Cicloturismo cultural, Rotas marítimas, Museo marítimo da Redonda e Museo de Caldoval).

- Recurriremos a provedores locais para todo tipo de produtos e servizos.

- Defenderemos o comercio polo miúdo e de proximidade. Fomentaremos o comercio local como cuestión vital non só de mantemento do emprego senón de creación.

- Creación das Novas Brigadas Municipais (e/ou mancomunadas con Ares e Fene), estas terán como función a limpeza e mantemento (acesos, mobiliário,...) das praias e ribeiras, dos montes e camiños, asi como dos xardins e hortas municipais, e do viveiro comarcal de árvores e arbustos de Bezoucos. Terán formación en xardinaxe, silvicultura, horticultura, reciclaxe, limpeza e tratamento do lixo e outras substáncias (óleos, petróleo no mar,...) e prevención de incéndios. Terán tamén como función a instalación, reparación e mantemento dos parques de xogos e lecer, e paseios marítimos e cunetas de camiñada. Como se van precisar criar bastantes postos de traballo, trata-se de dotar o município dun grupo preparado de veciños/as que traballen para o ben da comunidade.

Naturalmente, o ideal seria que estas Brigadas e outros servizos tivesen un funcionamento mancomunado cos outros Concellos cos que se linda na comarca de Bezoucos: Fene e Ares. Pois é, vai haver sempre cunetas a acondicionar que van lindar ben con Ares ou ben con Fene.

2.2.- Propostas de economia social

2.2.1. Medidas urxentes contra as deslocalizacións

- Compromiso municipal para liderar umha estratéxia industrial centrada no desenvolvimento endóxeno, isto é, xerar un tecido industrial local dinámico, baseado nas potencialidades próprias do território e as persoas e vinculado à Creación de ocupación de calidade. Mugardos non pode ser território suxeito à estratéxia unilateral do capital transnacional onde se implanten negócios volátis que hoxe están aqui e amañá desaparecen deixando un rastro de desocupación, evason fiscal e destruición do tecido social e económico.

- Fomentar a participación activa das organizacións sociais e sindicais capazes de identificar prioridades, potenciais e dificuldades nos diferentes ámbitos de decisión.

- O Concello de Mugardos só concederá axudas e cederá o uso de solo público a empresas que se instauren con compromiso de continuidade na actividade e sobre condicións laborais inalteráveis en prexuízo dos traballadores e traballadoras. O incumprimento do compromiso implicará indenizacións empresariais à corporación e ao cadro de traballadores suficientemente elevadas para xerar un efeito disuasório contra este tipo de práticas.

- Asunción por parte da corporación municipal dun papel ativo na defesa dos traballadores e traballadoras, tanto na defesa da permanéncia de actividades industriais susceptíveis de deslocalización como na proibición do encerramento e a deslocalización de empresas rendáveis. A corporación municipal deixará patente o apoio aos Comités de Empresa afectados e analisará e apoiará vias alternativas de continuación da actividade industrial que conten coa participación ativa das persoas traballadoras.

2.2.2. Apoio ao cooperativismo e a economia social

- Priorización de cooperativas e outras formas organizativas de economia social através da preferéncia na obtención de axudas, ceson de locais e subcontratación de servizos para o ente local.

- Publicidade gratuita nos meios de comunicación do Concello (web, revista, etc.) e presenza preferente en feiras, encontros, etc. organizadas pola corporación municipal.

- Accións para estimular o comércio xusto e o compromiso social do sector comércio.

- Promoción da Creación dumha Banca Comarcal que substitua a banca lucrativa tradicional, e que sirva para espallar o crescimento e o benestar da comunidade na nosa comarca.

2.2.3. Tecido comercial e mercados

• Articulación de medidas para preservar o tecido comercial e as feiras nos diferentes lugares de Mugardos frente à abertura de grandes superfícies comerciais con políticas de mercado agresivas e desrespeituosas cos direitos d@s consumidor@s e @s traballador@s.

- Potencializar os mercados municipais e o consumo de produtos frescos, preservando a calidade dos produtos, a permanéncia da relación de proximidade entre vendedor@s, consumidor@s e produtor@s, a permanéncia de condicións ótimas de traballo, condutas alimentares saudáveis e umha rede de mercados integrada nun modelo de concello compacta.

2.2.4. Compromiso coa estabilidade e os direitos dos traballadores e traballadoras

- Asinatura do compromiso pola estabilidade: liquidar a temporalidade na contratación do ente local, respeitar os direitos sócio-laborais como a revison salarial e o direito à promoción, activar mecanismos de discriminación positiva para as traballadoras, ampliar a acción social a que ten direito o persoal municipal, etc.

- Exixir o compromiso cos direitos dos traballadores e traballadoras às empresas às que se subcontraten servizos que non poda efectivar o Concello e às empresas às que se oferecen concesons ou concursos, exixindo como primeira condición a cumprir para se apresentar ao concurso ou licitación a asinatura do anterior compromiso.

- Creación dumha carteira de traballo para mozos, que con umha perspectiva social e sen ánimo de lucro poña en contacto os mozas e mozos con empresas que procuran persoal evitando asi a participación de intermediários (ETT) que extraen comisons do normalmente escaso salário xuvenil. Neste sentido, o Concello deve traballar para a erradicación das Empresas de Traballo Temporário no município.

- Aumentar a oferta e qualidade das ferramentas de asesoramento laboral aos e às mozas e mozos e facer umha difuson real.

- Fiscalización do direito a participar en elecións sindicais, dado que hoxe, se ben existe na teoria, é vulnerado sistematicamente na prática, imposibilitando que mozas e mozos con contratos temporários participen e defendan os seus direitos nas empresas.

2.2.5. Renda Básica

- A Renda Básica consiste no direito individual a perceber umha quantidade de recursos económicos que garantan a cobertura do mínimo digno para viver. Tratariase de a conceder a todos os veciños e veciñas residentes en Mugardos, de forma individual, universal e incondicional.

Con esta medida pretende-se a activación de mecanismos de intervención social realmente eficientes, frente às tentativas ensaiadas que son insuficientes, estigmatizadoras e vexatórias. A Renda Básica é verdadeiramente umha proposta orientada à restituición da dignidade persoal. Para isto, é preciso facermos a realización dun estudo completo e fiável para a implementación da Renda Básica en Mugardos que, a partir de analisar as fontes orzamentares e a posível refundición das prestacións hoxe existentes, elabore un programa de aceso à Renda Básica a comezar polos colectivos máis necesitados, para ir incorporando, na medida do posível e de forma progresiva, novos colectivos à sua percepción.

A implementación da Renda Básica na nosa vila significaria situar Mugardos na vangarda da procura decidida do benestar da cidadania, superando todas as vagas e difusas medidas feitas até agora, insuficientes e lexitimadoras da desigualdade social.

Coa implantación da Renda Básica estará-se a criar benestar, estabilidade e tamén riqueza, alén de eliminar os preconceitos clasistas do traballo remunerado como único traballo existente. Cando, naturalmente, consideramos todos os traballos como criadores de riqueza e non exclusivamente o traballo pago.

2.3. Políticas sociais municipais

2.3.1. Accións pola dignidade e a xustiza social

- Compromiso de non-privatización de servizos sociais e do mantimento dumhas condicións laborais dignas que garantan a estabilidade.

- Promoción de políticas de axudas obxectivas que oferezan as ferramentas necesárias (formación laboral, orientación, etc.) para alén dumha axuda de subsisténcia que non permite à persoa emancipar-se da precariedade. Asumir que as persoas son suxeitos de direitos que utilizan os servizos públicos, contando con a información dos procesos a seguir, incluído o sistema de reclamacións, ante as resolucións administrativas que executen decisons sobre o seu futuro familiar e persoal.

- Aposta nos planos integrais ou comunitários para incidir de maneira global sobre os problemas de toda a comunidade.

- Empréstimos de apoio às entidades sen ánimo de lucro, sen que isto implique relevar o Concello das suas responsabilidades. As entidades privadas deven ser complementares e non substitutórias do sistema básico de asisténcia social.

- Potencialización do traballo en rede entre persoas, entidades e servizos públicos que interveñen sobre os mesmos colectivos para garantir un apoio integral às persoas que o precisan. A actual caréncia de coordenación é consequéncia da fragmentación de servizos provocada pola privatización e a substituición competencial mencionada, que produzen caréncia de información entre servizos e, incluso, rivalidades entre estes en vez de traballar numha mesma dirección en benefício das persoas que precisan apoio.

2.3.2. Mellora dos servizos sociais municipais

- Consolidación das equipas de atención social primària con profisionais qualificados que entendan o traballo comunitário en equipa como única forma para abordar as problemáticas sociais. Aumento dos recursos económicos para que @s profisionais dos servizos sociais organizen o combate contra a excluson social.

- Aumento das dotacións dos servizos de atención domiciliária con suficiente dotación horária para poder dar boa atención à xente maior e famílias na vida cotidiana dos seus lares. A bonificación das taxas por prestación de servizos deve contribuir para garantir a universalidade do servizo.

- Exixéncia dos equipamentos sociais necesários, antecipando-se às necesidades emerxentes e de medio e longo prazo: centros de dia para xente maior, andares asistidos, lares residenciais de estadia temporária e permanente, centros abertos para infáncia en risco, casas de pequena infáncia, vivendas para urxéncias sociais, etc.

2.3.3. Plano de Acción Inter-xeneracional

- Elaborar un plano comunitário inter-xeracional de forma paritária con mozos, persoas maiores, e infáncia para activar mecanismos de coesón inter-xeracional.

- Actuacións pola promoción dos direitos da infáncia, a xuventude e as persoas maiores e do seu tempo de lecer non comercial en família (redución de horas de traballo dos pais e maes que prestan servizo ao Concello, recomendacións às empresas, etc.).

- Recuperación da rua como lugar habitual de relación e lecer de xente maior, mozas e mozos e infáncia, oferecendo apoio técnico de educador@s aos lugares, garantindo o aceso aos equipamentos desportivos, ludotecas, bibliotecas e equipamentos provisórios nas prazas e ruas para os lugares que ainda non se encontren equipados. Conversón das prazas un espazo de lecer e cultura, con programación na rua que permita reestruturar un espazo de encontro entre mozas e mozos e maiores e facilitar os trámites de utilización de espazos públicos.

- Programación cultural e de lecer conxunta entre xeracións mais con respeito aos espazos próprios de cada coletivo xeracional e compatível con umha axenda xoven comprometida social e politicamente.

2.3.4. Plano Local de Mocidade

- As políticas de mocidade deven construir-se sobre a participación real da mocidade e a garantia de autonomia, potencializando o dinamismo dos proxetos. As medidas que compreendan e o seu deseño deve ser participativo, dinámico e potencializador da autonomia, baseando-se na co-xeston e a co-responsabilización por parte d@s mozos.

- Mugardos deve dotar-se dun Plano Local de Xuventude, de carácter integral, que prevea e planifique o conxunto de necesidades sociais, económicas, educativas, políticas e culturais e de lecer das e dos mozos. Este plano deve incluir as propostas a seguir, sen significar umha simples lista de actuacións, mais umha rede de necesidades e solucións transversais que se defina sob a participación veciñal, empregando mecanismos que incorporen @s mozas e mozos organizad@s e non organizad@s. Este plano deve criar ferramentas para promover a emancipación da xuventude con o obxectivo de facer mais sinxelo e rápido o aceso e solucións para @s mozas e mozos e evitar ao máximo os trámites burocráticos.

- Axenda de actividades que procuren habilitar espazos críticos, de pensamento e acción social e politicamente comprometida coa esquerda. Fai falta ampliar o uso de todos os espazos e servizos a grupos de mozas e mozos non constituídos formalmente.

- Promoción dos espazos para mozas e mozos (publicidade, incluson na axenda cultural, facilidades para aceso a equipas informáticas, material de escritório, equipas audiovisuais, etc.) tanto de titularidade municipal como privada sempre e cando sexa un espazo cultural e lúdico aberto à admisión de toda a cidadania con independéncia do título xurídico con que se ocupa o espazo (arrendamento, ocupación de facto ou propriedade).

2.3.5. Xente maior. Atención às necesidades e recoñecimento social

Compreender a dependéncia é un dos principais reptos en termos de xustiza social. A mercantilización da sociedade galega fixo con que se privatizase esta cuestom: o mercado e a família son os dous axentes encarregados do cuidado da xente maior, dando por suposto que a cidadania está formada por famílias. A dependéncia tamén é responsabilidade do Estado se entendemos que a cidadania está formada por indivíduos. Neste senso:

- Reforzaremos o apoio domiciliário con servizos muncipalizados de necesidade básica como o suporte médico e alimentar, loxístico e de hixiene. Estes servizos terán persoal responsável e especializado de enfermaxe e/ou outros necesários.

- Reclamación da transferéncia de competéncias aos municípios en matéria de políticas para a xente maior. Mugardos está desbordada a nível de axuda social neste aspecto.

- Incremento dos servizos de asisténcia a este coletivo de persoas que con freqüéncia son as que padecen grandes problemas de axuda social. O índice de doenzas, perda de faculdades mentais ou físicas, redución drástica dos recursos económicos, perda dos compañeir@s de vida, abandono, etc. fan da xente maior un coletivo muito sensível e precisado de axuda social. con freqüéncia, ante a incapacidade da própria atención ou da colaboración familiar recorre-se às residéncias de terceira idade.

- Construción dun asilo municipal ou re-adecuación dun edifício para este fim, que garanta o coidado dos nosos maiores. Os idosos son a parte máis significativa, a máis humillada e afastada da nosa sociedade. A falta de meios, servizos e de família, moit@s idos@s precisan dun espazo no que podan viveren e seren atendidos con dignidade, no que podan desenvolveren a sua vida, e receberen visitas comodamente de calquer parente, amigo ou veciño.

- O Concello reclamará ante a Xunta da Galiza un aumento de vagas nas residéncias públicas actualmente desbordadas.

- Medidas contra o abandono da xente idosa estando cientes de que é umha realidade dramática para muitas persoas que chegan a vivir en condicións de auténtica miséria. Por exemplo, através de persoas que asistan e acompañen @s maiores que requeiran o servizo e traballadores familiares para colaborar e solucionar necesidades diárias.

- Substituir as colaboracións económicas por servizos directos, por exemplo, médic@s, asisténcia domiciliaria, enfermeir@s e praticantes e ofertar directamente este servizo sen ter de recorrer a servizos privados de maior custo.

- Accións de promoción da vellice como fonte de sabedoria, experiéncia e coñecimento histórico. Promoción de encontros e intercámbios de grupos da terceira idade.

- Promoción de políticas de dignificación e apoio social à xente maior que deve aplicar o sector público e se poden apoiar na experiéncia doutros axentes de dinamización social que traballan neste campo. A complementariedade non pode implicar subsidiariedade no servizo.

2.3.6. Políticas de xénero

É insuficiente manter un discurso politicamente correcto sobre a igualdade e os direitos das mulleres. Cumpre empreender políticas valentes e activas. Dumha banda, onde se fixan as prioridades reais dun governo de esquerda: os orzamentos municipais, para levar a termo políticas de xénero con maiúsculas. Doutra, con vontade política que articule desde a Concellaria da Muller directrices de traballo con vocación de permanéncia e transversalidade, deixando de chegar tarde à cita co compromiso pola emancipación das mulleres. Cumpre retomar a ideia de que “o persoal é político”.

- Duplicación da partida dedicada a políticas de xénero nos actuais orzamentos municipais de Mugardos.

- Descentralización dos pontos de información e atención às mulleres a todos os lugares da concello en vez de contar con un só.

- Realización dumha auditoria de xénero sobre a presenza feminina nos ámbitos sócio-laborais incluído o organigrama do Concello e empresas que se apresentan a concursos e licitacións para detectar a existéncia dun teito de vidro que imposibilita às mulleres chegar a lugares de dirección e pór en andamento medidas corretivas eficazes.

- Creación do “gabinete anti-Discriminación” na “Concellaria de Direitos Civis” que preste atención multidisciplinar (xurídica, psicolóxica, social, etc.) aos homes e mulleres que viven en situacións de discriminación por razón de xénero, orientación sexual, idade, discapacidade, étnia ou procedéncia.

- Mellora do seguimento de casos de violéncia contra as mulleres. Medidas simultáneas de reabilitación dos agresores e itinerários de inclusión social para as mulleres en situación de represión penal ou administrativa.

- Elaboración de estudos sobre a implantación da renda básica e a retribuición salarial baremada para amas de casa e viúvas, como alternativa à mentira da conciliación laboral e familiar que non é realmente posível e, cando se fai, recai nas costas dumha muller que renuncia a umha parte da sua vida.

- Entrega aos meios de comunicación públicos e privados dun livro de recomendacións de estilo sobre o trato respeitoso da imaxe e conceito das mulleres, denunciando a linguaxe sexista e os estereótipos.

- Foros de Mulleres en cada lugar onde as mulleres podan debater e achegar propostas de acción municipal, asemblearmente e co apoio técnico da Concellaria.

- Celebración do “I Congreso das Mulleres de Mugardos” que xere un primeiro espazo vertebrador da realidade da muller a nível local e comarcal.

- Potencialización da participación cidadá con redes de traballo colectivo que non se vexan anuladas pola administración, permitindo liberdade de acción e pensamento crítico autónomo.

2.3.7. Ensino público. Escolas de Formación Profesional e galescolas

- Cumpre umha aposta firme e decidida no ensino público e no seu papel de axente de regaleguización. Os concellos, apesar de ter escasas competéncias nesta matéria, poden dar apoio incondicional à escola pública, unindo-se ao corpo de docentes e AMPAs para reivindicar melloras nos centros. A Alternativa soberanista Mugardos na Esquerda aposta decididamente na escola pública e a sua mellora através dun incremento da dotación de recursos embora esta capacidade non sexa de competéncia local.

- Seguimento e avaliación polos órgaos locais do departamento de Educación e do Concello.

- O noso concello necesita un proxecto educativo de concello (PEC), que consiga incorporar tamén os sectores máis mozas e mozos de Mugardos no planeamento estratéxico da educación formal, non formal e informal, superando proxectos estéticos e no qual a responsabilidade e a participación sexan reais. Fomentar que os centros educativos compreendan conteúdos curriculares que sirvan para manteren as formas de vida tradicionais e o tecido económico existente na nosa comarca, que fomenten umha análise crítica da realidade que rodeia @ alun@ e xeren sinerxias de debate e participación no marco do centro. Cumpre asegurar a promoción do asociacionismo nos centros educativos, apoiando as iniciativas que surxan d@s alun@s con os servizos e infra-estruturas necesárias.

- Ampliación dos centros. Queremos que as escolas existentes e as novas que se pretenden criar teñan suficientes vagas para cubrir a demanda social. Pretende-se a escolarización plena de todos os nenos/as e rapazes/as mugardeses/as nas escolas do município máis cercanas da sua residéncia. Valorizará-se e compensará-se esta escolarización à hora de dar bolsas de estudos, a renda básica ou outras axudas (para obter vivenda, servizos sociais, etc).

- Creación de Novas Prazas e/ou dumha nova garderia e Escola Infantil que teña ao seu coidado os fillos e fillas do persoal municipal e/ou do persoal que traballa no Complexo Industrial de Ponta Promontoiro.

- Creación da Escola Popular de Silvicultura e Horticultura para ensinar a todos os veciños e veciñas todo o relativo co coidado, mantemento e reprodución de todo o tipo de plantas.

- Creación da Escola Popular de Carpintaria e Mariñaria con porto na Besta Ruza ou na ponta do Rato, onde se construan e reparen barcos tradicionais atlánticos, procurando a sua própria auto-suficiéncia, asi como se aprendan todos os labores imprescindíveis da mariñaria.

- Actualizar os critérios para pontuar as famílias pois obvian realidades como a das maes que traballan, famílias que traballan os dous membros, ou famílias en que só hai umha persoa proxenitora (maes solteiras, viúvas, separadas, etc.). Tamén é necesário acrescentar a pontuación pol@s xéme@s e outras realidades que soman dificuldades à hora de compartillar a vida laboral e familiar e que, portanto, deven ser prioritárias no aceso às ofertas de emprego públicas.

- Investir na educación das novas xeracións, especialmente nas primeiras etapas, que é quando se dá un desenvolvimento cognitivo maior. Fan falta orzamentos xenerosos neste aspecto, que nos permitan chegar a un sistema educativo desde os 4 meses, un sistema que sexa público, leigo, gratuito, de calidade e ao alcance da veciñanza.

- Implicación dos centros escolares na dinámica asociativa e cultural do município ao tempo que fazemos que entidades e administración se impliquen nos proxectos dos centros.

- Participación nos Consellos Municipais, organizacións e asociacións que velen por políticas educativas públicas e de qualidade.

- Instauración dos gabinetes municipais de escolarización para participar na distribuición de alun@s recén chegad@s nos centros.

- Procura de fórmulas de colaboración inter-administrativa para a gratuidade do material escolar nas escolas públicas.

2.3.8. Servizos sanitários e sócio-sanitários

- Impulsionar enquisas de satisfación relativas à rede de equipamentos sanitários presentes no município para dotar-se de elementos de presión perante a administración autonómica.

- Supléncia con recursos municipais de necesidades non cobertas (transporte adaptado, especializacións médicas, campañas sanitárias,etc.).

2.3.9. Solidariedade e cooperación internacional

- Cumpre promover a solidariedade dentro e fora. Do mesmo modo que se deve promover o compromiso dos cidadáns na defesa e a xeston dos seus direitos e servizos públicos, cumpre tamén a solidariedade e a cooperación cos povos que loitan dia a dia por umhas condicións dignas de vida e pola sua autodeterminación. Esta aposta deve-se concretar a nível de actuacións sobre o terreno e de sensibilización social. Neste senso, promoveremos no noso concello a Declaración de Município anti-belicista e anti-imperialista.

- Priorización dos proxectos que teñan por obxectivo estabelecer lazos de convivéncia e diálogo entre os diferentes povos, culturas e relixions.

- Consciencialización nas escolas e ámbitos de educación non formal sobre as actuais relacións de marxinalización entre países do centro do Sistema e os seus centros de decison a escala mundial e a ampla periferia que estes estabelecem.

- Difuson de iniciativas solidárias desenvolvidas desde as ONG dirixidas a combater a sustentabilidade dumha orde mundial inxusta e opresiva.

- Creación de vínculos cos povos onde existen conflitos armados e situacións de violación de direitos humanos (Palestina, Saara, etc.). Cumpre romper o isolamento destes povos ante a contínua violación dos direitos humanos da poboación civil, potencializando o coñecimento da situación para alén da vison estereotipada do conflito através de intercámbios de mozas e mozos de Mugardos cos de Palestina e Saara durante o verám, visitas de estudos e estadias de solidariedade.

2.3.10. Promoción do lecer e o deporte

- Impulsionar o deporte de base e traballar con nenas e nenos, mozas e mozos as práticas que promoven os valores da equipa, a complicidade, o esforzo e todos aqueles que converten o deporte nun espazo de enriquecimento coletivo.

- Compartir equipamento e prática deportiva, nenos, mozas e mozos e adultos aprenden d@s outr@s, relacionánse e amplian a sua rede social nun ámbito con un potencial altamente coesionador.

- Recuperación de camiños para a carreira a pé con marcas de distancias en km. Conservación destes por parte das brigadas municipais supervisando o seu mantemento mínimo umha vez cada trés meses eliminando as pedras e tapando os furados para evitar escordaduras.

- Creación de Parques Lúdicos de entretemento e convívio para a xente nova e non tan nova. Nas Lagoas, no Baño e no Seixo. Adaptación para estes usos do espazo habilitado nas Roibeiras. Deverán ser espazos ben amplos, con cunetas para prática desportivas variadas: futebol, basquete, ténis,... e cunetas amplas de xogos populares (chave, chave infantil adaptada para as crianzas, rá, petanca, billarda, bolos, …), parque de xogos infantis homologados (balouzos, casas, escorrregas, cordas, ...). Han ser locais protexidos do vento, con cuneta coberta por se chove ou peta moito o sol, o seu terreo estará adaptado ao xogo: areia, herba ou fibra (nada de cimento) e sobretodo, non van estar delimitados por estradas, dando a sensación de contínua intranquilidade e perigo, como de estar a xogar no interior dumha rotunda. Estas cunetas han estar ben sinalizadas e o tránsito rodado deverá limitar-se aos 30 Km/h en vez dos actuais 40 Km/h.

- Novo Pavillón Polideportivo de Mugardos. Se houver vontade política temos a posibilidade de ter umhas boas infra-estruturas deportivas se se chega a un acordo, se reutilizan e se readecuan as infra-estruturas de Talleres Cachaza (MdA) nos Catro Camiños.

- Oferecer apoio, recursos e axudas às entidades de lecer que manteñen as estruturas de voluntariado e/ou son exemplo de socialización colectiva baseada na entrega de tempo de lecer a espazos afastados do consumo e o control social. O apoio a estas entidades é prioritário nun momento en que o compromiso social se desvaloriza.

- Promover actividades desportivas e de lecer como meios de socialización entre persoas de diferente sexo, clase, orixe, idade, relixión, opinión e orientación sexual.

- Acabar coa precariedade d@s monitor@s desportivo@s contratad@s polo Concello, aplicando o compromiso pola estabilidade na contratación e dignificando as suas condicións laborais.

- Multiplicar os núcleos de actividade dispersos na concello sen deixar de organizar actos a nível municipal.

- Oferecer actividades de diferentes tipos de maneira regular e aumentar o número e a diversidade en épocas de férias con dinamizador@s especializad@s.

- No que respeta à nova Piscina municipal: A piscina municipal ten un prezo elevado en comparanza coa maioria de piscinas municipais galegas. A empresa Serviocio cobra na piscina de Mugardos máis que en moitas das piscinas que xestiona. Incluso moitas piscinas do país teñen tarifas da metade de prezo ofertando maiores servizos que a piscina de Mugardos. Temos que ter en conta que a piscina non conta con ximnasio como moitas das piscinas municipais. A piscina conta con sala de fitness (sala cardio-vascular) mais non con aparatos propios de ximnasio básicos para a preparación física deportiva. O concello teria que esixir a Serviocio tarifas inferiores para as pessoas empadroadas en Mugardos. Así mesmo, os horarios actuais son moi limitados; teria que ampliarse a franxa horaria para facilitar a asistencia. Compre tamén estabelecer convenios coas asociacións deportivas municipais (Galicia de Mugardos, Clube do Mar, etc) para que as e os deportistas federados pertencentes aos clubes do concello teñan entrada gratuíta en horario de menor asistencia; este tipo de convenio é habitual en moitas piscinas municipais. Por outra banda, o concello teria que garantir un salario e umhas condicións laborais dignas para as traballadoras e traballadores desta instalación e facer as xestións oportunas para que a medio prazo pasase a ser umha infraestrutura diretamente xestionada polo concello.

Sem comentários:

Enviar um comentário