segunda-feira, 23 de maio de 2011

Comunicado de Mugardos na esquerda logo do noso debut electoral

Facendo un balance do noso traballo, sabiamos que era case imposible sacar representación en só 20 días desde que nos demos a coñecer. Lembremos que nos presentamos publicamente o dia 1 de maio e o 22 foron as elecións. Como xa avisáramos, para nós as elecións municipais de 2011 só foron a pre-campaña do noso traballo enfocado ás elecións de 2015. Como afirmamos nun comunicado feito público antes das elecións: “Vimos para ficar; independentemente do resultado das elecións seguiremos traballando porque temos visión estratéxica e a longo prazo”.

Estamos moi contentos do resultado. Non esperabamos un resultado mellor que o 5% dos votos que obtivemos, igualando en algunhas mesas os resultados de partidos estatais consolidados (acadando resultados similares que PSOE e que IU) como foi o caso do Seixo.

Agora estaremos presentes na vida municipal estes catro anos e saberedes de nós porque imos estar preparando o programa falando coa veciñanza para recoller as súas aportacións, e facendo oposición construtiva dende a rúa, levando o que é prioritario para a veciñanza ao concello e informándovos do que fan e do que incumpren. De momento deixámosvos aquí os nosos obxectivos para estes vindeiros catro anos:

Obxectivos de Mugardos na esquerda de cara ás elecións municipais 2015

1. Estar presentes nos plenos. Unha vez que teñamos feito este traballo, saberemos o que se trata e o que non e poderemos facer oposición desde xa.

2. Realizar charlas informativas relacionadas co concello sobre temáticas nas que a veciñanza estea interesada (transporte, urbanismo, emprego, orzamentos participativos, etc).

3. Editar unha folla informativa sobre o que se fai e o que non no concello a colar en lugares céntricos de cada lugar. É evidente que coma sempre os partidos tradicionais non van cumprir nen a metade do seu programa electoral e iso o ten que saber a veciñanza.

4. Contactar coa veciñanza de Mugardos que poida estar interesada en formar parte do proxecto para incluíla e sumala á alternativa.

5. Reunirnos co tecido asociativo de Mugardos e recoller as suas inquedanzas para levalas ao concello e ao noso programa.

Moitas gracias a todas as persoas que confiaron en nós e prometémosvos que nas próximas estaremos de novo para levar a voz do povo ao concello.

Unha aperta do grupo de veciñas e veciños que estamos a levar adiante esta iniciativa.

Sem comentários:

Enviar um comentário